A galega Siongal presenta un servizo en liña para tirarlle o máximo partido á nosa publicidade |
Medio: Edición: Digital Fecha de Publicación: 14-01-2011 A publicidade ten que orientarse cara a onde está centrada a atención do consumidor. De intensificarse un pouco máis do debido, ou de non ter o deseño ou acubillo máis axeitado, aos nosos ollos será pouco máis que spam. Isto acontece así na vida real, e tamén na dixital: non vale con querer facer promoción dos nosos produtos, hai que ver moi ben como e onde se fai, e, de facelo na Rede, estudar onde están hoxe os usuarios e onde estarán o día de mañá. Segundo informa Galicia Hoxe, a procura de innovadores e eficaces métodos de promoción é o gran obxectivo da firma galega Siongal, e a esta estratexia responde precisamente un recurso propio de seu, Siongal E-Business, modelo de publicidade que combina diversas estratexias de márketing para despregar unha rede comercial en Internet, encargada de difundir as mensaxes dunha empresa nas canles de comunicación que máis empregue o seu público obxectivo. Por certo que estas canles son cada vez máis os buscadores, os blogs, os portais de tipo corporativo, os foros e, devagar pero sen pausa, as redes sociais. O obxectivo do modelo é constituírse en elemento de unión dixital entre quen se anuncia e quen recibe os datos dese anuncio, ampliando contactos, vendas e visitas a través da propia web da firma que participe no modelo. Así o explica Eduardo Montero, director comercial de Siongal, e así o recolle o xornal galego: “Siongal E-Business asume as funcións dun departamento comercial en internet, localizando e situando unha empresa nos medios e sitios web nos que se atopan potenciais clientes da firma. Unha vez localizados estes medios, planifícanse e desenvolven as accións máis eficaces para rendibilizar o investimento, multiplicar o volume de contactos e incrementar o ritmo de vendas". Os beneficios deste servizo son moitos e variados, informa a empresa, pero entre os máis importantes (tendo en conta os intres de caída produtiva que estamos a vivir) figura o da potencial redución dos custes, posto que se incrementa a rendibilidade sen apenas esforzo nin investimento extra en infraestruturas. Asemade, asegúrase unha atención persoal, sinala a compañía galega.
|